11 de novembro de 2010

Capítulo 4°. Os "cambistas"

Cando se fai traballo de recolleita ás primeiras saídas poden ser frustrantes. Din os que saben desto, como Merce Salvador ou Xan Cuba ou os Villares ou tanta outra xente que se adica a peinar as aldeas de Galiza na busca de contos, lendas,  coplas, cantos, petares ou melodías. A miña experiencia é máis ben Frebuda isto é; de secundar algunha convocatoria dos Frebudos con licor de herbas  e música polo medio,  co cal a xente soe falar máis. Ou, a tal momento,  a un impórtalle menos que soamente lle falen do tempo ou do que sexa,  porque xa non ten a capacidade retentiva moi alá.

Un dos traballos de campo que estamos a facer é  o rexistro de patrimonio inmaterial nas comunidades circundantes aos recursos naturais ou arqueolóxicos que forman parte do plan de turismo cultural. A rota a peinar comprendía as pontes españolas, o guapinol herrado e o Cerro do Fraile.  Carlos e máis eu dirixímonos á  comunidade da Ceiba, ao pé do Cerro do Fraile e ao carón do Guapinol herrado. Ao pararnos ao pé da árbore, non fumos quen de diliucidar o por que do nome. Nin tiña fendeduras nin marcas a ferro (hipótese do plan para razoar o seu nome), nin semellaba que a árbore se trabucase en algo.  Por iso, dirixímonos aos veciños.  Primeiro Don Valentín.  Sabíao o todo pero non sabía nada. So atinou a decirnos que as pontes españolas foran construídas en tempos de Somoza polos presos (cal Somoza?).  Sobre o cerro do Fraile e a súa posible importancia como lugar cerimonial indíxena non soltou prenda.  Víase ás leguas que non estaba cómodo, non quería falar cun chele diante. Carlos tamén recoñeceu logo que non o coñecía moito.  Sobre o mito do “duende” e o corral do “duende” case que fala, pero non.  Agradecémoslle as súas palabras e marchamos. Díxenlle a Carlos que comigo diante non ían conversar sobre eses temas “ya” repuxo “ incluso cuando en alguna comunidad preguntamos por algún particular, muchas veces dicen que no lo conocen, por la guerra verdad?”  (verdad e un recurso co que os nicaraguanos rematan o noventa por cento das súas frases). A guerra, zona rural, silencio, agocho da memoria, indíxenas, minusvaloración das propias tradicións culturais; bonitas coincidencias.  Ao final da rota, Don Hermógenes, coñecido de Carlos, abriunos as portas, levounos ao caron do cumio do Cerro do Fraile e sinalounos onde estaba o corral do Duende, nun seguinte cerro un pouco máis lonxe. O Guapinol herrado, era tal porque moito tempo atrás cortáranlle a cabeza a un home e metérana nun dos ocos da árbore. Ésta solta dende as pólas máis altas unha sustancia de cor ferroso, o sangue da cabeza. Estes e outros contos similares aparecen sempre en lugares nos que se localizou a posible realización de cultos indíxenas no pasado e teñen toda a pinta de ser unha intervención do clero católico para sementar medo entre a poboación, afastalos deses lugares, desculturizalos e identificalos de xeito negativo. Como tamén sucede na Cova do Fraile, situada noutro lugar. Sempre aparece o fraile que bendí o lugar, momento  a partires do cal desaparecen todos os males.

A única testemuña que me contou algo sobre a guerra entre o FSLN e a Contra, foi Josep Vicent.  Valenciano, fotoxornalista de profesión e membro de Valencianos por Nicaragua. Un dos seus traballos décadas  atrás fora esta guerra. Así coñecera o país. “Tras  firmar un papel en el que los eximías de toda responsabilidad, te subían a un vehículo militar. No te decían nada. Ni a donde ibas, ni nada.” Esto contábamo o sábado, vadeando coa camioneta de Luis Alberto o río Coco camiño do Canón de Somoto. “En este país no hay puentes casi, la contra los voló todos”. Iamos a chimpos, esgallando polo medio do río. Os dous de  pé, na caixa da camioneta, que se esforzaba coa súa tracción ás catro rodas en chegar á outra beira e comezou a contar  “una vez, al meternos en el río con el vehículo ví como uno de los soldados metía un cartucho bien gordo en un arma corta. Se habían callado todos, me acojoné, porque ellos lo estaban. Y mucho” Os ríos eran os puntos favoritos de ambos contendentes para facer emboscadas., víase claramente. Nin a pé, nin en besta, coa mobilidade do vehículo case anulada estaríamos totalmente indefensos. “ A partir de ahí me fijaba en sus conversaciones. En tal vadeo mataron a este; en aquel río al otro…cada vez que tocaba pasar uno, ninguno sabíamos si lo íbamos a cruzar entero”.

 Por sorte nós si o cruzamos.  Subimos polo Canón en barca. En barca inchable de Praia azul e amarela, Josep, Concha - que en Nicaragua rematou en Concepción xa que Concha aquí  sóalles mal e Conchi non lle gusta- mais eu guiados por Jesús, Luís fillo ía nun pneumático agarrado a nós. Máis que guiados, turrados por Jesús. Para remontar correntes Jesús ía metido na auga tirando a nado da embarcación. A medio camiño non resistín máis e tireime a auga.  Logo de chegar a un salto infranqueable na barca, paramos a contémplalo dende  unha pena. A estreitura do canon é duns dez metros, a altura de uns 40, a auga de cor verde.  Ao voltar, Luis e máis eu, por iniciativa infantil de desfrute, baixamos os 3 kilómetros e medio do tramo que fixeramos arrastrados pola corrente, a nado. É difícil describir o traballo precario do guía. Faise incómodo velo, ti na barca e el turrando a nado.  Non ten outro medio de levarte, nin tan sequera remos; é o seu negocio e con el gaña, ben gañado,  en dúas horas o que supón o salario medio diario no país.  Un extremo do seguinte que vou comentar, o Grupo Pellas.

Os Pellas son a familia máis influinte de Nicaragua. Donos das dúas cervexas, o ron flor de caña, azúcar, aseguradoras, medios de comunicación,  o banco de América Central, as tarxetas de crédito e casa pellas concesionario de vehículos das marcas Mahindra, Suzuki, Yamaha e Toyota. 9 de cada 10 camionetas son Toyota, e 9 de cada 10 motos son Yamaha. Dícese que de cada córdoba que gaña ou gasta un nica, 75 centavos son dos Pellas. Quizais o resuma mellor o seu presidente Carlos Pellas Chamorro.  Segundo Luis fillo, os Pellas non se casaron con ninguén políticamente falando. Aportalles plata a todos os partidos; ou cando menos aos máis grandes PLC e FSLN. Así, estes teñen que entenderse con eles se chegan ao goberno.  Tamén crearon a ONG máis grande do país ANF. Dos 300 millóns de dólares que en concepto de axuda chegan a Nicaragua 200 son manexados polos Pellas e os 100 restantes entre unhas 3000 organizacións locais.  Nos coches e motos, parece que se non tes Toyota ou Yamaha estás perdido, no que se refire a repostos e mantemento. Pese a ser un país pobre e a crise, o Concesionario Casa Pellas de Estelí vendeu uns 500 vehículos, dos cales o máis barato anda nuns 15 mil dólares e o a máis caro nuns 60 mil. Motocicletas a parte.  Isto, foimo contado Luis fillo durante a viaxe a Estelí a facer uns mandados.  


Outro tipo de empresarios, estes máis pequenos son os cambistas. Espallados pola cidade adiante, ofrecen cambio en billete miúdo de notas máis grandes. Teñen que ser coñecidos. “Una vez en un apuro le dimos 1000 cordobas a cambiar a uno de estos. Cuando nos lo devolvió lo contamos. Faltan 50 córdobas le dije. El, enojado, insistió en que sin contarlo el no soltaba la plata. Le pasamos el fajo, lo contó y nos puso uno de 50 encima antes de devolvérnoslo. Está bien asi. Cuando llegamos al carro, lo miramos de nuevo. Debajo del de 50 eran todos de a 1. Nos había cambiado el fajo de notas de 100 delante de nuestras narices y no nos habíamos percatado. Cuando nos salimos del carro, el maldito había desaparecido”. Deixamos a camioneta na casa pellas para o primeiro chequeo, comimos algo e fumos a Seguros América (empresa tamén de Grupo Pellas). Un pouco tocado polas dúas Victoria e o sol, pasei unha viaxe moi agradable. Cruzando cuadras Estelí adiante nun taxi, granate, un Isuzu I mark diesel dos últimos 70 ou primeiros 80, con The House of Pain a todo trapo, mentres ía subindo e baixando xente continuamente.  Jump arround, o firme da rede viaria non permitiría ir de outro xeito.

Estelí é un dos  bastións do FSLN. Recén perdida a guerra coa Contra e antes da piñata, nos noventa, foi a única cidade de Nicaragua que mantivo unha alcaldía sandinista. Nos tempos da revolución, as casas de Estelí estaban comunicadas unhas con outras e servían de agocho e fuxida para os guerrilleiros perseguidos por Somoza. Pálpase nas rúas desta cidade de case 200 mil habitantes. Non son coincidentes as zamarras, camisas, bicicletas, carros, camionetas, gorras ou casas a negro e vermello. Sen contar os máis explícitos que colocan nas súas vivendas ou negocios a bandeira sandinista.  aquí continúan fieis pese a piñata, que é como lle chaman aquí ao reparto de propiedades, capitais e outros insumos feito por gran parte dos membros do FSLN ao perder o poder trala finalización da guerra.  Dos comandantes que tomaron o Palacio no 22 de agosto de 1978, so Edén Pastora continúa no FSLN. Xente de grande importancia como Sergio Ramírez, Gioconda Belli, Dora María ou os creadores de gran parte do folklore revolucionario nicaraguano, os irmáns Mejía Godoy aliñaronse co MRS.  Cando os Mejía mostraron o seu desacordo cos sucesos da Piñata e posteriormente co pacto coa dereita para repartir os poderes do estado, foron expulsados do partido e tildados de traidores. Son a banda sonora do FSLN e da revolución (Nicaragua Nicaragüita, el Cristo de Palacagüina, como exemplo tópico e clásico). Tamén a banda sonora das campañas do frente sandinista. Os Mejía reclamaron os seus dereitos,  pero o goberno declarou a súa música patrimonio nacional, co cal, estes quedaron sen eles.  Sería como a UPG litixiando con Fuxan os Ventos ou o PCE con Paco Ibáñez.

Para preparar as presidenciais de 2007, o FSLN, dominante no poder xudicial, xogou a baza da posta en liberdade de Arnoldo Alemán. Ex alcalde de Managua e ex presidente, condenado por delitos fiscais e considerado o líder da dereita nicaraguana, foi canxeado por un conxunto de reclamacións dos Sandinistas, entre elas o control do Poder electoral, o que lles permitiu modificar a lexislación ao seu favor. Como os cambistas e as notas de 1 ou de 100.


 Aquí, nas presidenciais vaise a dúas voltas. Para acceder á segunda había que acadar o 45%, o cal formaba parte do pacto entre a dereita e o frente, con visos de deixar fóra calqueroutra formación política que se puidera presentar.  A situación déralle as últimas lexislaturas ás plataformas da dereita, habitualmente nun 55% dos votos. O FSLN antes da escisión do MRS estancárase no 45%. O MRS supuña o 7% do seu electorado e, ata ese momento presentáranse en coalición. A estratexia frentista coa baza de Alemán resumiuse en rebaixar a cota mínima para participar na segunda volta ao 35% e conseguir que a dereita se dividise en dúas formacións. Polo camiño, Herty Lewites alcalde de Managua da época (lexislatura 2000 2004) tamén foi expulsado do FSLN (acababa de ser nomeado candidato á presidencia. A alcaldía de Managua é o gran trampolín xa que supon a metade do censo electoral nacional), formando o  Movimiento de Recuperación Sandinista; que rematou xuntándose co renovador para as presidenciais. Cando as enquisas daban ao Partido MRS como terceiro Herty Lewites morreu. O resultado foi, Daniel Ortega 37 % polo FSLN a dereita dividida en dous partidos co 25% aproximadamente cada un, e o MRS descabezado, voltou ao seu 7%. Nas municipais de 2008 o FSLN arrasou.

A que ven todo isto? Pois a que nese escenario político, tan extremo no sistema de partidos e tan enfrontado, (os sectores de Somoto que apoian a uns ou a outros teñen todos os postes da luz marcados nas cores do respectivo partido, marcando o territorio do mesmo xeito que as pandillas colgando zapatillas vellas do tendido), as organizacións non gubernamentais convírtense no único xeito de captar fondos internacionais cos que incidir na mellora das comunidades para aqueles que quedan fóra do xogo político dominado e pactado entre dereita e sandinistas. Iso pese a que os Pellas, por enriba de todo este xogo, tamén dominan esta partida.
E tamén a que non é sempre así, para o proxecto turístico de Totogalpa creouse un consello onde todos os actores implicados van participar na toma de decisións.

Sem comentários:

Enviar um comentário