8 de novembro de 2010

Capítulo 3° Desorde.

Día dous, día de defuntos. O camposanto énchese de xente que vai limpar os nichos. Aquí si é limpar tumbas, os corrementos de terra sepúltanas até tapar as cruces das máis pobres, o sol despinta as cores e desfai os cincelados. As cores empregadas son fortes e intensas, non hai cores suaves, o sol comeríaas en apenas uns meses.  Ese mesmo sol permite que as familias queden a xantar cos seus mortos (preparando a comida preferida destes) e pasen gran parte da xornada facéndolle compaña.  A entrada principal convírtese nun mercado de flores, comida e xelados. Tamén hai un posto do goberno municipal, pedindo por unha potente e inocente megafonía aporte voluntario para o remate do cercado do cemiterio;  saudando aos posibles doadores por nome e apelidos e facendo un ranking dos máis xenerosos.

"Santos Daniel Flores Castillo 10/04/1978 08/04/2000 Recuerdo de sus padres, hermanos y su único hijo Luis Daniel Flores Zúniga(...)"

As mañás fóronse consumindo no estudo do plan estratéxico turístico do municipio de Totogalpa. Centreime principalmente nos valores culturais e naturais que no momento da súa posta en marcha van estar xestionados polo inprhu. É difícil atopar onde e como incidir, xa que, sobre papel  todo está ben identificado e previsto. Co cal pasar a un texto formal as ideas que me surxen estase a voltar complexo. Na última reunión con D. Armando e Carlos, xa marcarmos varias rotas para inspeccionar. Conxugamos opinións, e temos unha idea precisa do que facer a curto prazo durante a o resto da miña estancia; patear sinalar e referenciar  para cumprir certos obxectivos deste trimestre. Outras ideas, relacionadas co patrimonio inmaterial, a estratexia e o posicionamento irémolas madurando aos poucos procurando  “atender ao urxente sen que desprace ao importante”; coma hoxe, que fun comer con Elvis (e tomar unhas cervexas -cumprindo con que o urxente non desprace ao importante), o técnico que coordina o proxecto da comunidade de Palmira. 
Situada ao pé do principal río da rexión, o  Coco; Palmira é unha comunidade pobre, moito. Até as primeiras intervencións os seus habitantes aloxábanse en cabanas de plástico e madeira, feitas co xeito das construccións tradicionais indíxenas; das cales case non queda mostra tras ser borradas polo furacán Mitch. Tras unha fase de construcción de 8 vivendas e outra de 16 en marcha prcurase financiamento para unha nova fase de 10.  As últimas levan unha peza a maiores, co obxecto de que, aqueles visitantes que o desexen  se aloxen con eles. O obxectivo é que supoña un aporte económico máis. Téntase localizar un terreo adecuado para un ecoalbergue que complete o equipamento da comunidade. 

Onte deron comezo as festas parroquiais.  Achegueime con Elvis a dar unha volta, dende a a ybr, xa que é lugar onde sempre hai trifulca (hoxe pola mañá a policia pechaba un tramo de rúa cunha cinta desas amarelas "(...) no cruzar". As pandillas búscanse. Igual que pasaba nas nosas festas vai non tanto tempo, pero cunha agresividade igual ou maior á relatada por Carlos G. Reigosa en "Homes de tras da Corda". O sistema é o mesmo que o noso, sumándolle unha #barrera# para os touros. Non os matan, móntanos ao estilo ianqui e recórtanos ao estilo navarrro.. O campo da feira é como calqueroutro. Coa variación de que non hai palco. A música e cousa dun equipo de son e un mestre de cerimonias que pincha  até que chega o momento karaoke, no que a xente fai turno para interpretar os seus éxitos favoritos. Seino porque dende o meu cuarto e perfectamente distinguible cando están poñendo aos Cumbia Kings e cando están cantando Nicaragua Nicaragüita até as cellas de Toña (cervexa lager local). Onte no comezo, quedaron sen luz. Polo día ameniza un pasarrúas en carro de bois. O carro para aos poucos e os músicos descenden. Ao seu carón os pirotécnicos lanzan ledamente foguetes e bombas varias, así como quen frega.

Ademais  do reggaetón triunfa a cumbia e a bachata. No caso cumbia hai cousas soportables. Pero existe unha terceira vía: Música de banda. Vento metal  alegre. O último traballo de Beirut básase neste tipo de música. Aquí fan presencia Los Tigres del Norte e Los Tucanes, como non podía ser de outro xeito, coa súa versión narcocorrida. O tema do tráfico e sucesos adxacentes é recurrente entre a xente. A proximidade coa fronteira de Honduras fai que esta sexa zona habitual de controis. Un dos cruces máis empregado é o empalme cara Ocotal, que nós temos que coller tódolos días para ir ao CEAR.  Nicaragua non é produtor nin receptor de coca, pero si punto de paso entre México e Colombia. Dirección norte pasa a droga, dirección sur os cartos. Chega en barco, saltando Costa Rica e Panamá e engancha a Panamericana camiño de México e os EEUU.

Ao lonxe escóitanse os berros da barrera, o ceo está gris e os somoteños van abrigados, so hai 18 graos de temperatura. O trompeteiro veciño (imaxino que para afinar de cara ao karaoke da noite) adícase a facer unha competición co seu galo,  tentando dilucidar cal dos dous é quen de espantar máis galiñas dun so soprido. Vai  gañando o galo, que  a tal momento segue nas súas, imaxino que celebrando a vitoria. O trompeteiro, penso que quedou adormecido, soñando coa comida de nadal a base de pita macho.  O resto da banda sonora componse cos pícaros xogando na rúa, algún can, moitos paxaros e insectos e os sons emitidos por un lagarto pequeniño e cor carne. Traido de Cuba, fai de insecticida natural nas casas (polo menos nesta). Así é habitual atopalo gabeando cabeza abaixo por calquer tipo de superficie; o curioso e que sempre nas paredes e nunca nos mobles.  Non mide máis de 8 cms e emite un ruido así como os chuchos que che daba nunha fazula esa tía pesada que case todos tiñamos de pequenos,  mentres che  beliscaba na outra até poñela colorada (ñññññññiiiii, meeeu neniño boonito, dalle un biquiño á tía -escollan nome-).

 A paisaxe, pardeada xa a esta hora, é dominada polos cerros que circundan Somoto, e polas volutas de herba que medran no tendido eléctrico. Pensei que tiñan algún tipo de servizo municipal que se encarga de colocalos, pero non. Son mostra e proba do impetuoso clima, dos seus excesos e do seu paso do negro ao branco. En algunha esquina vense cables pegados ao tendido, ás veces arame de espiño. É o acceso dos máis pobres á electricidade. Unión Fenosa, empresa subministradora,  contabiliza ese gasto, súmao ao total do gastado polo conxunto de persoas con contrato da zona e cóbrao coma un suplemento de nome “energía no consumida” sen tomar máis cartas no asunto. Pola contra, é incapaz de garantir o mantemento do servizo debido ao aumento de potencia consumida polo establecemento dos postos das festas.  E un dos exemplos de cómo o gran capital e bo para o progreso de todos. Dende o comezo das festas o sábado a luz marchou 2 veces, por espazo dunhas 8 horas cada volta.

Nesas idas de luz, coincidentes co lusco fusco, ás persoas non lles queda moito máis que  atenderse unhas ás outras. A primeira opción sería facerlle caso a Javier Krahe (isto é: unhas fregas). De non ser posible, xa se sabe que un biquiño non alimenta, pero quenta o corpo. E por último se esto tampouco é viable e xa non temos batería na computadora, a nosa evocadora imaxinación axudaranos a… arrimarnos á unha mesa. A penumbra  entre candeas e lanternas dará pé a contar historias uns a outros.  Así foi como a dúas voces Don Luis e súa filla Martha Beatriz relataron a novela  “Castigo Divino” do escritor e político Sergio Ramírez. A dicción de ambos maravillosamente correcta,  as adxetivacións ricas e acertadas. Cunha entonación e ritmo emocionante lévarono a un da man pola trama.  Mentres a historia avanzaba, unha procesión de mosquitos e outros insectos viñan morrer abrasados nas velas. 

5 de novembro de 2010

Capítulo 2°. Telpochcalí.

Espertei descansado e desnortado. A miña mente ergueume dúas horas antes da hora real e catro sobre o pactado con Don Luís na pequena conversa mantida a noite anterior. Interesaronse moito polas miñas preferencias gastronómicas e expliqueilles que tiveran sorte comigo, xa que o primeiro que fago moitas veces con algo novo e comprobar se é comestible. Durante o almorzo, consistente en café, frijoles con crema (que non probei porque as fabas e familia de mañá fan do meu estomago un zeppelin) e uns boliños de pan (que deberon traer a posta, porque non lle atizaron moito) comunicaronme que nos iamos trasladar ao CEAR (centro de educación alternativa rural) Telpochcali (seguro que o escribín mal) de Totogalpa a uns 18 kms de Somoto. Subinme a camioneta de don Luis (un todoterreo toyota de cor beige, non mirei o modelo) e arrincamos. Primeiro paramos na sede do INPRHU Somoto, onde deixei cartos para trocar e asistín como o meu anfitrión comentaba unha voda evanxélica a que asistira a fin de semana anterior. Dunha forma moi locuaz e chea de aspaventos, facía brincadeira sobre as cancións e músicas da cerimonia. O predicador , acompañado de grandes palmas de tódolos asistentes pregoaba "quién vive?" ao que os congregados respostaban "Jesuuuús" e de novo "en su nombre!" cantaba o pastor "GLORIA!!" entoaban os feligreses e coma colofón un "aleluyaaa" con cara de éxtase total. Ao parecer, sempre segundo D. Luis, a perorata repetiuse  durante hora e cuarto, na que a comicidade do oficio relixioso foi desaparecendo.

 Logo duns intercambios de información e instruccións operativas, partimos cara o CEAR. Polo camiño fun obsequiado cunha prolixa descripción botánica sobre a flora autóctona da rexión (dos cales so lembro o pino e a ceiba), diferente ao resto de Nicaragua polo seu clima de trópico seco, con características propias debido a orografía, de carácter montañoso. Agora polo alongue da epoca de choivas a temperatura é mais suave do normal (mínimas de 24 e máximas de 27, así a ollo de can) e  os cerros están verdes, copados de vexetación.  A conversa derivou nun análise en perspectiva comparada dos sistemas de propiedade da terra en Nicaragua  e Galiza, chegando misteriosamente a un punto coincidente: a derivación nun minifundismo contraproducente para o desenvolvemento da poboación. Noutro momento incidirei sobre o tema (como adianto, nomeo a teoría do colonialismo interior, para aqueles que gostan de pallas mentais). Entre relato e relato, xa que este home fai pequenas obras mestras da literatura oral cada vez que fala, fíxenlle notar que o vía canso, cousa que el tamén opinaba de min. Comentoume que chegara case canda min a noite anterior e que se erguera as 3 da mañá para trasladar a varias traballadoras do INPRHU aos centros.


O deficiente servizo de transporte público da zona xunto co espallamento da poboación e centros de traballo fai que as persoas dependan unhas de outras para desprazárense. As viaxes están sempre pingadas de paradas nas que sube e baixa xente dos vehículos. A recollida de viaxeiros e o emprego dos vehículos como transporte público con capacidade "todo o que colla dentro"  é mostra da solidariedade de uns con outros, pero tamén fai que a organización consuma moito tempo e recursos na planificación do desprazamento da xente duns lugares a outros, provoca longas esperas as que se hai que acostumar e aproveitar para falar. Así, recollemos a un grupo de música que había que trasladar ao centro para que actuasen na Feira de artesanía que se estaba a desenvolver alí, polo camiño caímos na conta de que non eran "Los Alacranes" se non "Los Chorotegas" pero tanto tiña, xa que ambos tiñan bolo na feira. Antes, subírase un dos membros da comunidade indíxena encargado do proxecto de desenvolvemento da artesanía tradicional e dúas mulleres máis. Como a camioneta de D. Luis non ten caixa, nun 5 prazas íamos o normal: 8, instrumentos incluídos.

 Nesas chegamos ao Telpochcalí. Aatópase no municipio de Totogalpa na estrada que une Somoto e Ocotal. Inaugurado no 2009, ten un carácter multifuncional. Non sabería decir o espazo que o complexo e os terreos  de cultivo ocupan en hectáreas, ferrados ou tegos pero si direi que é grande de carallo. O edificio principal é de planta rectangular, cun porche no alzado da entrada principal, sustentado por un conxunto de columnas nas que se reprensentan historias do pobo chorotega (noutro momento entrarei na descricións das imaxes de cada unha delas) o edificio de ladrillo vermello e portas de madeira, tellado maioritariamente en zinc acanalado e tella, está rematado por un frontón do que aparecen dúas serpes plumadas e o nome Telpochcalí.  Aquí hai catro oficinas a cada extremo (dúas con entrada á fronte e dúas con entrada pola traseira, uns baños, a biblioteca, o comedor comunitario principal e a cociña, con saída a ambos lados do edificio. 
No xardín da traseira, atópase un conxunto de ranchitos (mesas de madeira, con bancos separadas unhas de outras por un axardinado de metro e medio de alto) ás que se lles da diferentes usos e que fai de separación cun segundo edificio que consta cun auditorio central flanqueado por dúas aulas a ambos lados. Os materiais son os mesmos que no edificio principal. Detrás hai dous baños máis e a esquerda un edificio secundario. 
O resto da propiedade distribúese en diferentes parcelados de terra, divididos por barreiras naturais de cana, que evitan o contaxio de pragas e enfermidades de unhas plantacións a outras. Aquí desenvolvense os traballos de agricultura sustentable nos que se sementan  diferentes tipos de vexetais autóctonos que melloren os usos tradicionais da agricultura e gandería local. Neles faise traballo de capacitación de paratécnicos, que serán os encargados de asesorar aos labregos na mellora das súas explotacións, cultivo de plantas autóctonas útiles para forraxe pero non  empregadas usualmente (co obxectivo de evitar o gasto en químicos, pensos), abono natural (escrementos de pita e de lombriz)  xeración de gas a partires do esterco e emprego doméstico, viveiro de especies en extinción para reforestación, aproveitamento das augas domésticas para rego de horta, viveiro de prantas medicinais de acordo cos usos indíxenas para o seu emprego... e  máis un montón de usos que se me escapan e non son capaz de explicar con claridade (Pedro Fiz onde estás?).

Ao achegarme ao edificio principal vin que as portas estaban talladas dun xeito similar a outras que don Luis tiña por rematar na súa casa. Xa na oficina presentáronme a D. Armando. Foi o encargado de desmigallar os dous proxectos nos que vou participar. Un deles é o desenvolvemento das condicións de traballo, nos obradoiros e domicilios dos artesáns e particulares que os desenvolven, tanto no tecido de fibras vexetais como na producción alfareira para lograr que sexan medios proveitosos de abondo como ser ocupación principal rendible. O segundo consiste na posta en marcha de un proxecto de turismo cultural e ecolóxico como medio de desenvolvemento local en base aos activos naturais e peculiares da zona. 
Vexamos as explicacións de Don Armando. O oficio artesán mantense maioritariamente por mulleres indíxenas que elaboran as pezas para uso doméstico ou como complemento dos ingresos familiares. A xente nova non opta polos oficios artesáns porque supoñen moito traballo para pouco beneficio.Comecemos polo tecido con fibras vexetais. Calquer xove, co machete, traballando unas 12 horas, gaña 3 dólares  ao día; en 4 días 12 dólares. Catro días son os que leva fabricar un “petate” de tule (similar a unha  esterilla de cana que se fabrican en  España, feita dun material da familia do papiro). Os petates véndense a 2 dólares a unidade. Así sucede con outras pezas e artesáns adicados a cestería, ou ao tecido de fibras vexetais derivadas do pino local.
No referido á olería, son boas as palabras de unha familia artesá da veciña Mozonte, cos que conversei no transcurso da feira.  A familia son un matrimonio e a nai dela. A materia prima empregada é arxila vermella propia da súa aldea, Santa Rosa. É torneada, pero descoñezo o tipo de torno empregado. Empregan terra grisallenta para darle cor de forma natural. As pezas inicialmente consistiron en apeiros para o “fogón”:  “ollas” “comales” “apastes",  entre outros. A nivel local, foron perdendo o seu valor en sustitución de baterías de cociña correntes. O oficio viña sendo mantido pola nai. A transmisión do mesmo foi familiar xa que esta anciá recibiu os coñecementos de súa nai e así sucesivamente. A muller tentou continuar con un grupo de nenos. Non resultou. Logo conformou un grupo de mulleres. Que tampouco resultou, xa que as mulleres non tiveron a paciencia necesaria para aprender a labor coa suficiente calidade como para facelo rendible. Ela resumiumo así “El barro es como el tiempo y no se le puede apurar. Yo por mi mamita lo llevo en la sangre pero las demás no quisieron comprenderlo”.  Continuou soa. Súa filla máis o xenro uníronselle ao acompañala a unha feira de artesanía en Managua; onde os produtos feitos pola señora tiveron grande aceptación. Así se interesaron pola olería.
 Aquí entra en xogo a figura de Ron Rivera. Este home; gringo de nacemento “que al final no era tan gringo” de acordo coas explicacións que me deron; foi un estadounidense asentado en Nicaragua que se adicou á investigación, estudo, catalogación e desenvolvemento da cerámica popular nicaraguana. O grupo organizado de ceramistas desta rexión adoptou o seu nome en homenaxe tra-lo seu recente pasamento. Ron Rivera acadou unha bolsa de capacitación para a filla e o xenro desta muller. Despois de aprender as técnicas básicas do oficio puxeronse a traballar no obradoiro familiar, incorporando novos deseños e facendo novas pezas a partires das tradicionais. Isidro o xenro díxome “Ahorita todo el mundo conoce las piezas rojas de Santa Rosa y pregunta por ellas en las ferias, incluso hay gente extranjera que viene y pasa días en el taller conviviendo con nosotros”.  A súa sogra moito merece polo empeño.
Esta é a situación obxectivo para moitas outras familias alfareiras que se atopan na mesma situación precaria inicial que antes comentamos para o tecido de fibras vexetais.  O de turismo culturar queda para outro día

Todas estas conversas déronse no medio dun rebumbio descomunal. Por unha banda a feira de artesanía amenizada a quendas polos “Chorotegas” e os “Alacranes” dándolle a todo meter,; pola outra dous rapazolos que facían un documental, un grupo de ceramistas americanos, un grupo de voluntarios canadianos, os traballos habituais e o accidente de coche sofrido por D. Luis tiña aos membros do Inprhu zumbando como avespas. Tiven que voltar en moto (Yamaha ybr 125), de paquete.

 D Luis saíra ileso, a camioneta non. Quedara durmido e entalarase nun furado. “Es que me iba a parar, pero estaba en frente a un bar lo cual podría dar a pensar” díxome rindo na casa. Cando se ía deitar  comentou “la solución es no volver a levantarse antes de las ocho – que é como dicir en Lugo as once-” afirmación que, por suposto, incumpriu á mañá seguinte. Entrou un dos cans, de pelaxe longa e cor rubia “mira, es Bestia” Don Luis escarallouse de risa. “Bestia le dice al Pinky”. Así foi como descubrín que Bestia e Bractarius eran Pinky e Negro (como diós manda para un can) e que os nomes anteriores eran dúas categorías abstractas empregadas polo meu anfitrión cando non se lembraba do nome de calquer cánido. Tamén se me revelou que Prosilapio, Prosilapia, Fulgencio e Fulgencia non eran nomes comúns en Somoto, se non que conformaban outra categoría abstracta: a de humanos dos cales don Luis non identificaba o nome propio.


2 de novembro de 2010

Capítulo 1º En mi pueblito hay de todo.


Logo de que o Vitor me deixase en Lavacolla, os retrasos sofridos deron pé a uns trasbordos  co tempo xusto. Tiven realizar, sen presa e sen pausa, os traxectos entre portas de embarque, as retiradas de cinto e zapatos,   os pasos baixo arcos de seguridade de forma dilixente e rápida. Isto impediu adicarme aos meus pasatempos favoritos nos aeroportos, a lectura e a observación do entorno, mais fixo que as horas tornasen curtas nun espazo no que a agarda sempre as fai eternas.

En Madrid-Barajas, no avión da American Arlines, a tripulación recibiu á pasaxe caracterizada de Halloween, dese xeito que so os ianquis son capaces de facer. Resúmese nuns lentes con forma de daiquiri, unha cabeleira verde e na voz do capitán emitindo a onomatopeia dun riso atroz pola megafonía, cousa que fixo en todas e cada unha das súas intervencións na hora e media que lles levou arranxar un contratempo antes do despegue, e as restantes 9 horas de travesía. 

Coma compañeiros de asento atopeime cunha vasca de Bermeo e un portugués. O segundo era piloto de helicópteros, empregado nunha das aeronaves de salvamento marítimo da costa galega e a primeira deduxen que traballaba na embaixada en Miami. A conversa iniciada por eles rematou co piloto dicindo algo así como que entendía o galego pero non aos de Lugo, o cal xa me obrigou a apartar a vista do libro que viña de encetar e sumarme. Debido ao pasaxeiro do encontro,  esquecimos presentarnos. Houbo algún comentario sobre os membros de seguridade espallados pola cabina do avión e dunha maior rixidez nos controis de entrada aos Estados Unidos, incluso para os pasaxeiros en tránsito a outros lugares. Recordei que tiña feita a  "esta" documento en virtude do cal e so por motivos de turismo permite a entrada sen visa no país e non me preocupei. Comentamos as absurdas preguntas que fan os membros da american arlines antes de subir ao avión e rimonos un chisco.


Ao baixar da aeronave caín na conta de que non cumprimentara a tarxeta de declaración de aduanas, que me dixeran non era necesaria, pero que logo resultou selo.  Cando xa pensaba nalgunha estupidez indebida, a tarxeta apareceu no primeiro mostrador, xusto diante de onde tiña que ser presentada.Unha vez feita, a vasca tentou pasarme canda ela polos postos de control para residentes, moito máis rápidos que os de visitantes, pero ao parecer foron máis ríxidos do usual e non mo permitiron. Dun xeito autoritario remitíronme ás ringleiras  dispostas para os visitantes e ateigadas de xente. Despois de corenta minutos, un axente reordenou as ringleiras, permitíndonos aos visitantes pasar polos controis de residentes;  voltei a situarme no control polo que tentara pasar a primeira vez. Mudara o policía de fronteiras encargado dese control e desta volta atendeume o axente Padrón. Viu o pasaporte e faloume nun inconfundible castelán cubano. Ao ver que o meu voo a Managua xa tiña a porta de embarque designada e eu aínda tiña que presentar a tarxeta de aduanas, recoller a miña maleta e deixala noutro control, axilizou todo o posible os trámites que lle correspondían.  Entrando no avión para Managua caín na conta de que o aeroporto de Miami é totalmente bilingüe castelán/inglés e o ambiente é  abafante como o da Habana, pero non ule igual. A mesma humidade pero distintos aromas.  

En Managua si me recibiu un ambiente coñecido, case idéntico ao da miña chegada a Cuba un ano atrás. Non so ese bafo de sauna lene, se non tamén os olores, as voces e a luz ténue da iluminación artificial. Mentres buscaba á persoa encargada do meu recibimento e traslado a Somoto fun obxecto das mesmas preguntas e ofrecementos de taxi no Cesar Sandino que no José Martí. Dinlle unha chamada perdida ao Coordinador Palau para que entendese que chegara. A verdade e que o empane de 21 horas de viaxe non me deixou ver que tamén se podía entender o contrario, ou calqueroutra cousa. Tanto tempo sen nicotina non estaba a ser bo para o meu cerebro, a sobreosixenación fixerame parecer que levaba 1 hora dando voltas por chan nicaraguano na procura do meu anfitrión pero apenas levaba 20 minutos. Recapitulei e caín na conta que nese espazo de tempo aterrara, descendera do avión, presentara os meus papeis; cruzara o control por  por vez primeira para ir ao caixeiro acompañado por un axente a quitar 10 dólares para pagar a tasa de entrada (en Miami non tivera tempo);  voltara cruzar o control en sentido inverso, pagara;  fora recoller a equipaxe e dirixírame ao exterior na procura dunha camiseta do INPRHU. Polo tanto, tocaba fumar un ducados sen presa. 

Cando o meu corpo xa estaba impregnado na pegañenta e irremediable capa de suor deste clima e xusto ao prender o cigarro,  un home cun polo marrón coas siglas do INPRHU presentóuseme como Bruno. Viña acompañado do seu fillo. Ao corroborar que recén chegara e que non levaba moito agardando fumos camiño da camioneta para deixar a equipaxe. Alí ficou comigo Marlon (creo lembrar ben o nome), o fillo de Bruno, mentres este ía na procura dun Doutor que chegaba de Canadá (non lembro o nome pero sí que coñecía a Sara e a Susana). 

Prendín outro cigarro mentres o celular de Marlon pitaba cada 15 segundos, interrompendo a música reggaetoneira que levaba posta. "Te gusta" "No mucho" "Es Don Omar. Y esto?" "pues tampoco" "Que música le gusta?" O meu empane fixo que comezase a divagar entre diferentes etiquetas dignas de ser inventadas por calquer redator da Mondosonoro, entrecaladas co nome de algún grupo. Marlon estaba desconcertado "...entonces Maná le va?" mentres sonaban os primeiros acordes do hit "rayando el sol"  "la verdad es que no" o rapaz, desesperado xa, fixo un último intento: comezaron a soar os primeiros acordes de "Insane in the Brain" na sua versión "Loco en el coco". "Cypress Hill" dixen "Veo que estos si. A mi con Calle 13, lo que más"  Xa ía polo terceiro cigarro "fuma mucho" "pues si, tu fumas?" "No se me ocurre, lo probé una vez, mi padre me agarró y ya no más" "Haces bien, es un gasto" "El fumaba algo de joven, ahorita no lo hace y no quiere que yo fume, nada le puedo decir" "Control Machete te gusta?" "Si algo pero poco conozco" "Psycho Realm o Delinquent Habbits?" "No esos no, tenía más canciones en el celular para enseñarle pero se lo presté a mi hermano y me las borró" Nese chegaron Bruno e o Doc "Tienen hambre?" "No" "Pues partimos ya para Somoto". Xa noite, no medio da abafante humidade, un vento morno introdúxonos na toyota pick-up plateada ao tempo que se falaba dun frustrado aviso de furacán. 

Incorporámonos á Panamericana, dirección norte, unhas 3 horas máis de camiño. En Nicaragua, o parque móbil é case na súa totalidade xaponés, se exceptuamos os trailers de longa distancia, todos de fabricación americana. O vehículo máis  empregado é a motocicleta de 125 cc con amortiguación alta e de longo percorrido para poder guiar polas corredoiras que comunican a maioría dos asentamentos de poboación coas vías principais. O clima, principalmente na época de choivas que agora chega ao seu final, fai que estas soan estar sementadas de furados e regos labrados polas augas torrenciais. So estas motos e os todoterreo son adecuados para circular por moitas delas. 

A Panamericana pasaba pola xanela fugaz como unha foto barrida a tentas. Bruno conduxo por ela a uns  120 130 kms por hora durante todo o traxecto. Eu tentaba mirar pola fiestra á vez que me pelexaba co sono. Adiantabamos vehículos longos Mack ou GMC, motocicletas yamaha de 125, camionetas coma a nosa coa caixa chea de viaxeiros, homes dacabalo ou en besta, biciclistas, peóns...a liña amarela que separaba os dous carrís parecía ter un único significado independentemente do seu debuxo. Logo dunha conversa fugaz o Doc adormeceu. Atravesamos varias poboacións. A xente abeirábase nos marxes da estrada, ben sentada ou de paseo, pero sempre "platicando". En moitos destes núcleos de poboación as zonas mellor iluminadas son as radicadas ao pé da estrada que as circunda ou as atravesa facendo ás veces de vía principal. Ao caer a noite, a xente abandoa as rúas máis escuras e reúnese alí, neste caso xunto a Panamericana, entre paradas de camión, mesóns e algún outro posto de comida. Ás súas costas intuíase entre a penumbra as vivendas de planta baixa e a frondosidade da vexetación.

Chegando a Estelí, Doc espertou. Deulle aviso a Bruno de que parase ao ver un banco concreto para retirar cartos. Apartamos á dereita a unha vía de servizo deixando o alquitranado da Panamericana; en Estelí fai as veces de arteria principal, como a antiga nacional VI en Guitiriz. A vía de servizo era de terra e pedra e aínda había algunha pucharca das últimas choivas. A esquerda, separándoa da calzada, situábase unha beirarrúa estreita e coronada por varios asentos de cemento. Neles un grupo de adolescentes macho facían algún tipo de danza dirixida a un segundo grupo de adolescentes femia. Hai que impresionar. Na marxe dereita o primeiro inmoble era unha licorería anunciada por un luminoso de cervexa Victoria, os seguintes un tras doutro, eran diferentes entidades bancarias, todas con caixeiro excepto o último. Era o do Doc.  Bruno sorriu "Aquí no hay Doc!!" "Yo aseveraría que si lo había verdad?"  terqueou o Doc "En mi pueblito hay de todo, dijo la india María! Vámonos a mi Somoto Lindo" sentenciou Bruno.

Unha gasolineira 24 h da Texaco e o seu enorme letreiro despedíronnos na saída de Estelí. Adormecín eu tamén. Erguín unha pálpebra para despedirme do Doc cando paramos diante á súa casa. Unha burra branca que non era da súa propiedade impedíalle o paso e o Doc espantouna dun chío. O resto do camiño adiqueime a babexar na mochila dun xeito moi artístico. Un último pitido  do celular de Marlon anunciou á miña chegada ao tempo que Bruno me decía que xa chegara ao meu destino. O grao de humidade era menor, facendo a noite moi agradable. Os ladridos de "Bestia" e "Bractarius" precederon o momento no que coñecín en persoa a Dona Gladys e a Don Luís. El de pé remexendo e ela rematando un proxecto.